As previsións do tempo eran para botarse a tremelar: alerta laranxa e a choiva intensa e xélida dun novembro raro e húmido demais. Con todo, a pesar da néboa de partida, axiña o sol e a calma saíronnos ao encontro. Gozamos do percorrido polo casco histórico da vila descubrindo os lugares mais emblemáticos da Floravia de Otero Pedrayo: casco histórico, xudería, diversas igrexas, entre elas as de Santiago e Santo Domingo; Castelo dos Sarmiento e Museo Etnolóxico. Ademais de coñecer a súa historia, tamén fixemos un repaso pola historia do viño do Ribeiro e a súa paisaxe, peza fundamental na evolución e crecemento de Ribadavia.
Fixemos un alto no camiño no "Lembranzas" da veciña vila de San Amaro e demos conta dun cocido, feito con agarimo na cociña de Elena, para logo cumialo coa larpeirada da bica e as castañas asadas, e todo ben regado cos caldos do Ribeiro.
​
Xa de volta, cerramos a visita na capela de San Xes de Francelos, unha das xoias prerrománicas que se conservan en Galicia, onde nos despedimos da vila e da axuda inesquecible da nosa guía, Noemí.
​
​